Thursday 09 de May de 2024

O concello saca a licitación os servizos dos campamentos de conciliación do verán e do Nadal Cultural para os próximos dous anos


Prorrogables anualmente ata un máximo de dous máis

Tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia de hoxe, o Concello de Riveira acaba de sacar a licitación os servizos necesarios para organizar os campamentos de conciliación pertencentes ao Verán Cultural e ao Nadal Cultural. Por primeira vez, obedecendo a razóns de planificación e mellora da calidade dos obradoiros, a contratación desta acción non se fai puntualmente senón que abrangue un período de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo de dous máis.

Así, segundo o anuncio publicado no BOP, ditos servizos prestaríanse durante as seguintes tramos temporais:

Verán Cultural:
Ano 2016: desde o 1 de xullo ao 31 de agosto de 2016 (42 días x 5 horas diarias para monitores e persoal docente e de apoio + 42 días x 2,5 horas para coordinador/a).

Ano 2017: desde o 3 de xullo ao 31 de agosto de 2017 (42 días x 5 horas diarias para monitores e persoal docente de de apoio + 42 días x 2,5 horas para coordinador/a).

Nadal Cultural
Ano 2016/17: desde o 19 de decembro de 2016 ata o 5 de xaneiro de 2017 (14 días x 5 horas diarias para monitores + 14 días x 2,5 horas diarias para coordinador)

Ano 2017/2018: desde o 26 de decembro de 2017 ata o 5 de xaneiro de 2018 (8 días x 5 horas diarias para monitores + 8 días x 2,5 horas diarias para coordinador/a).

O orzamento base de licitación é de 95.953 euros, IVE incluído. O procedemento é ordinario e aberto con multiplicidade de criterios de valoración (oferta económica por unha parte e proposta técnica por outra, incluíndo criterios como a programación coas actividades ofertadas, calidade e organización temporal do servizo, diminución do ratio participante/monitor-docente, reforzo de profesionais con titulacións relacionadas con Necesidades Especiais Educativas a maiores do persoal mínimo requirido, melloras incluídas na programación…).

O prazo de presentación de ofertas é de 15 días naturais e poderán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello.